Estudios Abertos realiza a súa primeira exposición colectiva na sala municipal de Palexco
Unha actividade complementaria ás xornadas de portas abertas nos estudios, realizadas a pasada fin de semana, ofrecendo unha visión conxunta e representativa do traballo dos e das artistas participantes. A través de máis de 60 artistas, albergados en 56 estudios, a mostra permite achegarse á diversidade das prácticas artísticas que conforman o panorama creativo da cidade da Coruña. Na exposición estarán representadas distintas disciplinas, como pintura, escultura, fotografía, ilustración, cerámica e propostas de carácter multidisciplinar, o que reflicte a riqueza de linguaxes e enfoques presentes entre os e as creadoras locais. Este proxecto expositivo ten como finalidade reforzar a visibilidade do tecido artístico coruñés, á vez que facilita un espazo de encontro entre artistas e cidadanía. Así, complétase a experiencia de Estudios Abertos, amplíase o acceso ás obras e contribúese a unha mellor comprensión dos procesos de creación contemporánea desenvolvidos na cidade.