Cormorán Film Fest
O Teatro Colón acollerá unha nova edición do Cormorán Film Fest. O Cormorán Film Fest presenta Le Rayon vert , de Éric Rohmer, en proxección restaurada. Corenta anos despois da súa estrea, a película coa que Rohmer gañou o León de Ouro en Venecia segue sendo un dos retratos máis luminosos do cinema francés: Delphine, unha moza que non sabe moi ben que facer co seu verán nin coa súa vida, vai buscando sen sabelo ese instante de luz que, segundo a lenda, permite ler os propios sentimentos e os dos demais. Le Rayon vert é a película que inspira o cartel oficial do Cormorán Film Fest 2026. Un clásico optimista, tenro e libre que celebramos no seu 40 aniversario e na mellor copia posible.